PORTO DO SON> A remodelación da fachada marítima de Porto do Son segue a acadar recoñecementos. O seu deseño e funcionalidade fixeron a este proxecto merecedor dun dos Premios FAD na categoría de cidade e paisaxe.
A remodelación da fachada marítima de Porto do Son non deixa a ninguén indiferente. Nin veciños, nin visitantes nin moito menos a crítica posto que o proxecto xa conta con dúas distincións outorgadas por profesionais .Tras facerse cun dos premios da Bienal de Arquitectura e Urbanismo, o deseño vén de ser distinguido polos premios FAD na categoría de cidade e paisaxe.
O xurado deste prestixioso certame destacou a recuperación da conexión histórica entre o pobo e o mar que supuxo este proxecto, minimizando o deterioro da costa e recuperando espazos para os peóns baseados na accesibilidade de todo o paseo.
A obra, que supuxo a transformación integral da fronte marítima de Porto do Son, supuxo un investimento próximo ós 5 millóns de euros por parte de Portos de Galicia.
Os Premios FAD contan con gran prestixio a nivel internacional tras 65 anos recoñecendo os mellores proxectos que se realizan en España e Portugal.











