Secuestran e atracan á propietaria do bar Mareas Vivas de Sanxenxo

    secuestrosanxenxo_100_050207.jpgSANXENXO > Unha veciña do municipio foi secuestrada e atracada esta fin de semana no bar que rexenta na zona de Areas. Dous encapuchados entraron no…

    …local na medianoite do sábado e amordazaron á propietaria do negocio e mais ó cliente que estaba no interior do local.

    A propietaria do bar Mareas Vivas de Sanxenxo aínda non o pode crer. O sábado era vítima dun secuestro e dun atraco deses que se din de película. Dous encapuchados entraban, pistola en man, no bar no que estaba acompañada por un cliente da zona. Os atracadores atáronlle as mans e durante corenta longos minutos tivéronos retidos mentres cacheaban o bar e lles proferían crúas ameazas. O botín non foi escaso. Á dona do bar roubáronlle uns 700 euros que levaba no bolso e outros tantos que tiña na caixa rexistradora, ademais dos aneis que levaba postos.

     Ó cliente que estaba nese momento roubáronlle as chaves do Alfa Romeo negro no que fuxiron despois. É a primeira vez en sete anos dende que ten o bar, que lle sucede algo así e a súa propietaria non sospeita de motivo ningún polo que foi obxectivo deste secuestro de cuxos autores non sospeita. A única pista é o dunha moza sospeitosa que estivera soa no bar dez minutos antes do atraco, que se comportou de xeito estraño e á que alguén chamou ó telefono do bar. Como os ladróns se fixeron coas chaves do local e mais do piso da propietaria, esta tivo que cambiar as fechaduras do negocio e mais do seu domicilio. A policía investiga os feitos na procura de dar cos autores do delicto.

    Redacción Salnés