Técnicos de Medio Rural comproban as obras de reurbanización de San Tomé

    urbanizacionsantome_100_080207.jpgCAMBADOS > O xerente da Fundación Comarcal do Salnés e o concelleiro de Medio Ambiente de Cambados acompañaron ós técnicos.

    As obras de reurbanización de San Tomé afectaron ás rúas Pintor Soutomaior, San Sadurniño e Con, no entorno da tamén restaurada praza de Narciso Pérez. Estas iniciativas inscribíronse nos plans municipais de rehabilitación do Conxunto Histórico que se levan a cabo nos últimos anos, e cumpren cos criterios esixidos para o desenvolvemento turístico e comercial da vila.

    O empedrado das rúas custou case 60.000 euros, mentres que a urbanización da praza de Narciso Pérez contou cun presuposto de 57.000 que permitiu poñer lousas de granito gris colocadas sobre asentos de cemento cubrindo unha soleira de formigón. A estrada é dun só sentido, con tres metros de ancho.

    En canto ó mobiliario urbano, vanse instalar papeleiras de forxa ou aceiro inoxidable, e pibotes de fundición para separar a zona de circulación e os aparcamentos da peonil.

    Alumeado

    farolascambados_200_080207_002.jpgPero ademais os técnicos de Medio Rural percorreron Fefiñáns e as rúas Real e Isabel II iluminadas con cargo ó mesmo plan da Unión Europea, así como unha nave do polígono de Sete Pías que tamén se acolleu ó Proder II. Estas intervencións permiten continuar coa campaña de recuperación e restauración do patrimonio cultural cambadés, cualificado como Ben de Interese Cultural, e consolida estas vías empedradas e iluminadas como rúas semipeonís.

    Redacción Salnés