Carlos Vieites asume con ‘ilusión e responsabilidade’ a candidatura do PP en Meaño

MEAÑO> Dende o martes, Carlos Vieites é de xeito oficial o candidato do Partido Popular á alcaldía de Meaño. Técnico da Mancomunidade do Salnés e xuíz de paz no concello, adéntrase no mundo da política con ilusión e responsabilidade. Tamén co obxectivo claro: manter ou aumentar a maioría absoluta para o PP.

Dende este martes, o Partido Popular de Meaño xa ten ao seu candidato para as eleccións municipais do mes de maio. Trátase de Carlos Vieites, que conseguiu aglutinar o apoio de toda a formación.

Biólogo de formación, leva 18 anos traballando como técnico na Mancomunidade do Salnés. Dende hai 11, compaxina este labor co de Xuíz de Paz no concello. As dúas facetas da súa vida profesional permítenlle coñecer a idiosincrasia de Meaño e o funcionamento da administración local, aínda que é a primeira vez que se adentra no mundo da política.

Carlos Vietes asume esta nova etapa como un reto, consciente do legado que no concello deixaron os seus predecesores na alcaldía, Jorge Domínguez e Lourdes Ucha. O seu obxectivo é claro: manter ou ampliar a maioría absoluta que eles conseguiron.

Agora, el e o seu equipo traballan para confeccionar a lista cos nomes que o acompañarán nesta etapa, e para desenvolver o programa que recolla as inquedanzas dos veciños. Con este obxectivo, manterán reunións nas parroquias para escoitalos de primeira man.