A UPTA e o BNG achegan posturas sobre a lei dos traballadores autónomos

    olallafernandez_100_130207_1.jpgVILAGARCIA > A deputada do BNG, Olalla Fernández Davila, reuniuse hoxe co secretario xeral de UPTA Galicia, Eduardo Abad Sabarís.

    O obxecto deste encontro era o de atender ás demandas e valorar as aportacións da asociación ó proxecto de lei dos traballadores autónomos. Olalla Fernández valorou moi positivamente este tipo de xuntanzas e destacou a súa importancia para acadar a máxima adecuación da lei ás necesidades reais dos traballadores. eduardoabad_200_130207_1.jpg

    Olalla Fernández, deputada do BNG, e Eduardo Abad, secretario xeral de UPTA Galicia, a unión de traballadores por conta propia, mantiveron esta tarde unha reunión para intercambiar ideas sobre o proxecto de lei dos traballadores autónomos. O proxecto atópase xa na fase de debate parlamentario polo que este tipo de encontros serven ós partidos políticos para realizar esas enmendas á lei que os traballadores consideren fundamentais. Esta lei será aprobada previsiblemente entre os meses de abril e maio e trata de garantir os mesmos dereitos para os traballadores por conta propia, dos que xa disfrutan aqueles que traballan por conta allea.

    Demandas

    O secretario de UPTA Galicia, Eduardo Sabarís agradeceu á deputada a súa boa disposición á hora de atender as súas demandas e solicitou a súa intermediación para superar a actual situación na que o patrimonio persoal do autónomo está suxeito á embargabilidade no caso de impago. A deputada respaldou esta reivindicación aínda que matizou a diferencia legal entre que ese patrimonio persoal fose presentado ou non como aval bancario.

    Olalla Fernández recordou que o BNG levou a iniciativa nunha enmenda para que as mulleres autónomas disfrutasen da baixa por maternidade nas mesmas condicións que o resto das traballadoras e que foi finalmente aprobada por unanimidade. Destacou deste xeito a importancia de manter este tipo de reunións para facerse eco no parlamento das demandas reais dos autónomos.

    Esta lei afecta a un total de 185 mil traballadores galegos dos que arredor de 25 mil se atopan no Salnés, sendo os primeiros empregadores e producindo o 18 por cento do P.I.B da comarca.

    Redacción Salnés