Anos de reclamacións por un subministro eléctrico suficiente

    veciosesteiro_100_130207.jpgBOIRO > Os veciños do núcleo de Esteiro, na parroquia boiresa do Castro, levan anos reclamando o reforzo da liña de subministro eléctrico.

    Os veciños de Esteiro xa non saben a quen acudir para solventa-las deficiencias que presenta a rede eléctrica que abastece este núcleo de poboación ubicado na parroquia de Santa María do Castro. Dende hai anos, a escasa potencia no subministro provoca frecuentes problemas, de xeito que é case imposible acender varios electrodomésticos á vez e, de noite, co inicio da tarifa nocturna, moitas vivendas quedan practicamente sen electricidade.

    Esta situación provoca que, tarefas aparentemente tan sinxelas como poñer unha lavadora, quentar algo no microondas ou mesmo poñe-la televisión se convirtan nunha auténtica odisea. Ademais as baixadas de tensión provocan frecuentes avarías nos electrodomésticos que, en ocasións, teñen que ser substituídos pola falla de uso.

    Reclamacións

    Fartos desta situación, os veciños xa teñen presentado numerosas reclamacións, tanto á compañía eléctrica como á Oficina Municipal de Información ó Consumidor, o concello de Boiro e a Consellería de Innovación Industria.

    A administración autonómica dictou unha resolución ó respecto en febreiro de 2006 na que instaba á empresa a presentar un informe da instalación necesaria para subsana-las irregularidade, nun prazo de dous meses. Un ano ten transcorrido dende entón, sen que se acometera ningunha actuación.

    Mentres tanto, os veciños seguen agardando unha solución a pesar de que o problema non fai máis que ir a peor polo incremento de poboación na zona que precisa de máis potencia para o abstecemento de novas vivendas.

    Á espera dunha actuación por parte de Unión Fenosa, barallan a posibilidade de constituir unha plataforma conxunta con tódolos núcleos poboacionais da comarca que se atopen nunha situación similar para lograr así que as súas reclamacións sexan oídas.

    Redacción Barbanza