PORTO DO SON> Sen rastro dos dous mozos desaparecidos onte en Porto do Son tras saír en kaiak da praia de Coira. Medios aéreos, marítimos e terrestres inspeccionaron a zona durante toda a xornada, sen éxito.
O que comezaba como unha tranquila xornada de praia o pasado luns acabou co peor dos finais. A media tarde, tres mozos de entre dezasete e vinte anos saían da praia de Coira a bordo dun kaiak. Ó comprobar que tardaban en regresar os seus amigos deron a voz de alarma. Iniciouse entón un dispositivo de busca que permitiu localizar a unha das tripulantes, nunha zona rochosa próxima ó campamento do Loreto.
A moza, Soraya Luaces, veciña de Miñortos en Portosín foi trasladada ó Hospital Clínico de Santiago con síntomas de hipotermia. Máis tarde, localizaban nas proximidades da pedra das Filgueiras a piragua semi afundida sen ninguén a bordo e xa de madrugada un dos chalecos salvavidas.
Ademais do Helimer e o Pesca Un participaron na busca as embarcacións de salvamento Salvamar Regulus e Don Inda así como numerosos pesqueiros da zona. Por terra, rastrexan o litoral efectivos de Protección Civil, Policía e Garda Civil. A mediodía incorporáronse tamén os buzos do Grupo especial de Actividades subacuáticas da garda civil que realizaron inmersións entre Caveiro e Punta Arnela onde os tripulantes dunha embarcación avistaron o que cren que podería ser un corpo a pasada madrugada. Ante a falla de resultados, ampliouse o radio de busca ata Basoñas e Río Sieira.A nova causou unha gran consternación na comarca, especialmente en Noia de onde son naturais Xabier Hurtado e Miguel Quan, os dous mozos desaparecidos