CALDAS > Un bo día. Así cualificou o alcalde a xornada de entrevistas que tivo na Xunta. Entre os asuntos que levou …
… Juan Manuel Rey destacan o Festival Cultura Quente e diversas obras en estradas e rúas do municipio.
As mellores novas que trouxo da Xunta o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, proveñen da Consellería de Política Territorial. A titular do departamento María José Caride confirmoulle a adxudicación da mellora da estrada Pino – Cuntis, que transcorre por San Clemente, e a inminente contratación da asistencia técnica para redactar o proxecto da estrada Caldas – Moraña.
Caride tamén lle anunciou a sinatura dun convenio a través da delegación provincial para pavimentar e mellorar tres rúas do casco urbano, como son a prolongación de Carlos García Baión, e as rúas Igrexa e Palmeras. O custe das obras ascende a 170 mil euros e os gastos de contratación serán asumidos na súa totalidade pola delegación de Política Territorial.
Cultura Quente
O alcalde tamén tivo unha boa acollida na reunión que mantivo co director xeral de Creación de Difusión Cultural, Luís Bará. Rey entregoulle unha memoria do Cultura Quente e solicitou apoio para aumentar o financiamento do festival e para desenvolver Caldarte durante todo o ano. O Concello remitiralle un orzamento máis detallado e Bará comprometeuse a responder en breve.
Redacción Salnés