A Fundación pide explicacións pola unificación de condenas de Oubiña

    felipesuarez_100_150207.jpgVILAGARCÍA > A Fundación contra o Narcotráfico pide explicacións ó Consello Xeral do Poder Xudicial e á Audiencia …

    … Nacional para que se investigue e estude se é legal a unificación de condenas de Laureano Oubiña, tal como se recolle nun auto da sección 1ª do Penal.

    A Fundación galega contra o narcotráfico non entende a reunificación de condenas a Oubiña, a primeira que se adopta en España, e menos a favor do narcotraficante galego, condenado en tres ocasións por delictos contra a saúde pública, por tráfico de haxís. Sobre todo, tendo en conta que as seccións 2ª e 4ª da Audiencia Nacional rexeitaron a petición dos avogados de Oubiña e que tanto o Xuíz de Vixilancia Penitenciaria e a Fiscalía informaron negativamente. ‘A nós énos difícil entender que se adopte esta medida tendo en conta que é Laureano Oubiña’, sinalou o portavoz da Fundación Felipe Suárez.

    laureanooubia1_200_150207.jpgCon esta unificación contabilízanse os 4 anos e 4 meses correspondentes á primeira condena, que segundo a Fundación xa a tiña cumprida en 2003. De non refundir as sentencias, Oubiña tería que estar no cárcere ata outubro de 2009, cando acabaría a terceira das condenas. Deste xeito, agora podería obter o terceiro grao e poder saír así polo día e pasar só as noites en prisión. Aínda que a Fundación non o ve probable, xa que iso dependerá dos informes da directora do Penal de Zuera onde está agora e logo do xuíz central de Vixilancia Penitenciaria.

    A Fundación lembrou anteriores episodios que demostran a prepotencia e falta de respecto ás autoridades por parte de Oubiña, con intentos de subornos, agresións a axentes, privilexios en prisión e incluso a fuxida a Grecia cando prestaba declaración na comisaría de Vilagarcía. Cualifican a Oubiña como home prepotente, maleducado, agresivo e delincuente consumado, e por iso ven ‘incomprensible este privilexio’.

    Para a Fundación esto pode traer e xa está a traer consecuencias graves, con movemento de avogados doutros narcos e mesmo dun etarra, pero sobre todo alarma social. ‘Recibimos moitas chamadas porque o cidadán de a pé interpreta que Oubiña ten un privilexio como non teñen outros delincuentes comúns, como drogodependentes que pasan máis anos no cárcere que estes grandes capos’, afirmou Felipe Suárez.

    Redacción Salnés