Dolores Carballo: ‘Non hai estratexia política, só interese social’

    dolorescarballo_100_150207.jpgVILAGARCÍA > A Agrupación de Asociacións de Mulleres de Vilagarcía afirma que non pretende ampliar o asilo de Vilagarcía …

    … senón que se faga un centro xerontolóxico de asistencia integral, independente da residencia de anciáns. Queren aclarar así o malentendido que tiveron coa Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar. Recoñecen ademais que non serían as persoas adecuadas para xestionar ese centro pero non o descartan para un futuro.

    Ademais, quixeron deixar claro que detrás do seu proxecto non hai estratexia política algunha, ‘só un interese social’, tal como indicou Dolores Carballo, presidenta da Agrupación. Insiste en que son un grupo de mulleres preocupadas pola carencia de servizos sociais e de traballo, que contan co amparo das forzas políticas e sindicais do Consello Local da Muller.

    A Agrupación de Mulleres acaba de reunirse coa Consellería de Traballo, de onde trouxo boas novas para a súa cooperativa dedicada a ofrecer coidado a domicilio de anciáns, persoas dependentes e nenos. Informáronos de diferentes liñas de subvención ás que poden optar e tamén lles comunicaron que se achegará a Vilagarcía a Escola Cooperativa Móbil para darlles formación. Será durante 3 semanas en maio, con cursos adaptados ós horarios destes colectivos e coa intención de dar formación a case tódalas socias. Recibirán formación xurídica, administrativa e de dirección, pero tamén en informática e de habilidades na rede.

    Redacción Salnés