O BNG de Ribeira solicita un pleno extraordinario urxente

    RIBEIRA> Os nacionalistas queren que o alcalde dea as explicacións oportunas en relación á sanción imposta ó Concello polo TSXG por un vertido da decantadora do Touro que afectou a varios polígonos de bateas. A través dun escrito presentado esta mañá por rexistro, o grupo municipal do BNG esixe a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar a sanción imposta ó Concello polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de máis de douscentos mil euros pola rotura dun emisario da decantadora do Touro que provocou un vertido altamente contaminante que afectou a varios polígonos de bateas. Os nacionalistas critican a falla de información ó respecto, a pesar de que a sentenza data do pasado mes de abril. Dende o BNG sinalan ademais que o equipo de goberno debe dar as correspondentes explicacións do acontecido xa que a elevada contía da sanción vai traer graves consecuencias para a estabilidade orzamentaria do municipio. Por esta razón anunciaron tamén que tratarán de manter contactos co resto de grupos con representación municipal para abordar este asunto, e no caso de que o alcalde se negue a convocar o pleno extraordinario solicitado, poder convocalo só coa oposición. Pola súa banda o equipo de goberno, a través dunha nota feita pública, negou calquera tipo de ocultación de información sobre este asunto. Dende o concello aludiuse a que xa se dera conta da mesma na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado cinco de maio, e cuxos acordos lle foron comunicados como é habitual ós edís de tódolos grupos da Corporación por correo electrónico sete días despois, coincidindo coa aprobación da acta. Dende o executivo ribeirense sinalouse ademais que o tratamento dado a esta sentenzaa é o mesmo que o que se dispensa a calquera reclamación por responsabilidade patrimonial, e que en todo caso o fallo non vai a aparellar consecuencias económicas para as arcas municipais, tal e como apuntaban dende o BNG, xa que o Concello non tivo participación na rotura do emisario, ó ser este un servizo concesionado. De feito, na Xunta de Goberno na que se abordou este asunto acordouse darlle traslado da sentenza á entidade aseguradora para que proceda ó abono da indemnización solicitada.