![]()
O GROVE > As peixeiras do Grove e o patrón maior viviron na xornada de hoxe o último capítulo da polémica sobre a venta directa de peixe á lonxa. Varias ducias de persoas concentráronse ás portas da lonxa para pedir unha reunión co patrón maior Francisco Iglesias.
Peixeiras de Portonovo, Sanxenxo, Pontevedra e Ribeira entre outras localidades amosaron a través dunha concentración o apoio ás súas compañeiras do Grove. Agora as peixeiras contan tamén co apoio dos armadores e piden que este encontro co patrón maior teña lugar o antes posible. A finalidade é a de atopar unha saída á difícil situación das últimas semanas.
Mentres tanto, e como medida de presión, mantense o boicot ás compras na lonxa. Denuncian así unha presunta competencia desleal da confraría de pescadores que intenta vender o peixe sen contar con estas vendedoras. José Manuel Mascato, patrón e socio da confraría, clama tamén pola solución deste problema. Pola súa parte o patrón maior da Confraría do Grove asegura que a concentración desta mañá foi unha sorpresa . Francisco Iglesias reuniuse ás tres da tarde cunha nova representación das peixeiras e asegurou que as negociacións continuarán nos próximos días.
Redacción Salnés









