A ANPA podería pedir a clausura dos baños polo mal estado da fontanería

VILAGARCÍA> O mal estado dos baños do colexio de Carril, novo cabalo de batalla da comunidade educativa. A ANPA reuniuse esta mañá con membros do goberno local para trasladarlles as súas reclamacións, que aínda non tiveron resposta por parte da Xunta de Galicia. Reclaman ao executivo autonómico o arranxo urxente das instalacións e, de non ser así, retomarán as mobilizacións e reclamarán o peche dos baños e, polo tanto, do centro.

Nais e pais do colexio Rosalía de Castro de Carril retoman as mobilizacións. O mal estado dos baños do centro preocupan á comunidade educativa, por iso reclaman á Xunta de Galicia unha reforma integral que actúe nos servizos e na fontanería.

O pasado 1 de febreiro a ANPA enviou un escrito á Consellería de Educación para trasladarlles a súa preocupación. A día de hoxe continúan sen recibir resposta, por iso recorreron ao concello na procura de apoios. Advirten, ademais, de que tomarán medidas.

Tamén preocupa o estado da auga da traída, sucia e con niveis de cloro elevados, que está a ser analizada por Sanidade para comprobar a súa potabilidade. Neste caso, o concello proporcionará ao centro auga embotellada.

Dende a ANPA recordan que o arranxo dos baños foi un compromiso asumido polo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha visita que realizou a Vilagarcía. Neste encontro tamén prometera o arranxo dos falsos teitos, algo que si cumpriu a administración autonómica. Tamén advirten que a día de hoxe o centro non conta con baños adaptados para usuarios con diversidade funcional.