A revisión do PXOM de Boiro divide a nacionalistas e populares

    ppboiro_100_230207.jpgBOIRO > O PP de Boiro critica a ‘mala xestión’ do goberno local respecto á nova lei de protección do litoral que pretende aproba-la Xunta de Galicia.

    O anuncio do executivo de inicia-la revisión e actualización do actual PXOM na súa totalidade, lonxe de calma-los ánimos exasperou ós membros do PP que culpan ó bipartito de se-los culpables da paralización e do caos urbanístico no que se atopa Boiro.

    Xoán Xosé Dieste asegura que a incapacidade do actual executivo está a levar a Boiro a un futuro urbanístico incerto e inseguro. As críticas do voceiro do PP boirés van máis alá, e fan referencia que o actual executivo, á hora de deseña-los plan parciais e as áreas de reparto, non contou nin cos grupos da oposición nin cos propios veciños e empresarios, facendo caso omiso ás alegacións presentadas.

    Por estas razóns, o PP boirés vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que solicita, entre outras medidas, o inicio das xestións necesarias para conseguir toda a información sobre o tratamento que a Xunta de Galicia lle vai dar a Boiro e a situación na que vai quedar este municipio coa finalidade de defender e preserva-los dereitos adquiridos no seu día polo PXOM, así como instar ó Goberno Autonómico a remiti-lo avance do Plan Sectorial de Ordenación do Litoral ó concello, no prazo máximo dun mes, para a emisión do correspondente informe.

    Cruce de acusacións

    No outro extremo atópase o executivo boirés que culpa ós populares de querer confundir e alarmar ós veciños de Boiro. Neste sentido aluden a que se o concello está incluído na lista elaborada pola Xunta de Galicia de municipios afectados polo anteproxecto da nova lei de medidas urxentes de protección do litoral é única e exclusivamente por culpa do PP, responsable da aprobación do actual PXOM no ano 2003, escasos meses antes de perde-las eleccións municipais.

    O edil de Urbanismo, Xoán León, volveu incidir en que a única solución posible que garantirá a existencia de solo urbanizable no municipio pasa pola aprobación dos plans parciais de Barraña e Cabo de Cruz. Unha circunstancia na que tamén coincide o arquitecto municipal, Roberto Chao.

    O executivo boirés pretende levar os plans parciais de Cabo de Cruz e Barraña ó vindeiro pleno a celebra-lo día oito de marzo para a súa aprobación definitiva, unha sesión na que os membros do BNG no goberno defenderán a necesidade de sacar adiante estes dous proxectos. Segundo Xoán León se os demais grupos non apoian estes dous Plans serán eles os que vaian en contra do desenvolvemento urbanístico do municipio. ´

    Redacción Barbanza