![]()
SANXENXO > ‘So faltas ti’, o programa de dinamización xuvenil conta este ano cunha trintena de actividades …
… O Concello aumentou o presuposto destas actividades a 71 mil euros, o que permitiu incrementar tamén a oferta. Nesta edición ofrécense 10 actividades novas, como un curso de masaxe ou rutas en piragua.
Máis prazas, máis monitores e novas ofertas na segunda edición do programa de dinamización xuvenil de Sanxenxo para este 2007. O Concello decidiu apostar forte por manter ocupado o tempo de ocio da franxa de idade dos 16 ós 35 anos. Este ano o presuposto pasa dos 45 mil euros ós 71 mil, que permiten aumentar as actividades de 22 a 29, e as prazas de 1.300 a 1.416. ‘Do que se trata é de darlle un novo impulso ó programa, que busca darlle un abano de posibilidade ós mozos, á vez que se atenden as súas demandas’, indicou o edil de Xuventude de Sanxenxo, Ángel Casal.
Algunhas xa se celebraron nos últimos dous meses, con éxito de participación, como o curso de masaxe. De aquí a final de ano repetiranse moitas das actividades desenvolvidas o ano pasado, entre cursos de formación, xornadas, obradoiros ou sesións deportivas. Pero nesta edición de ‘So faltas ti’, hai unha decena de ofertas novas: obradoiro da risa, cursos de masaxe, de elaboración de monicreques de luva, de formación de DJ’s, de condución, de astronomía e de paxinas web, ademais dunhas xornadas sobre hípica e outras de achegamento ós burros, e rutas en piragua. Os interesados poden consultar a oferta e apuntarse nas actividades na Concellería de Xuventude ou na OMIX.
Redacción Salnés










