CAMBADOS> Cambados limita o tráfico no entorno do colexio de Corvillón. Dende a concellería responsable, decidiuse impedir a circulación de vehículos de máis de 3 toneladas e media para mellorar a seguridade nunha estrada que transcorre pegada ao centro educativo. Para informar e concienciar desta nova regulación, a Policía Local desenvolverá durante dous meses unha campaña informativa.
Os vehículos de máis de tres toneladas e media non poderán circular pola estrada que transcorre por diante do colexio de Corvillón. Así o decidiu o concello de Cambados. Unha medida que busca mellorar a seguridade na zona.
Ante esta situación e tras escoitar as demandas da comunidade educativa, o concello contactou coa Deputación para buscar unha solución. Polo de momento, a medida pasa por desviar o tráfico máis pesado e xa está en marcha dende finais do pasado decembro.
O concello xa instalou sinais verticais no cruce dos semáforos de Corvillón e no desvío de Tragove para informar destes cambios. Tamén comunicounos por escrito a conserveiras e depuradoras da zona. Así as cousas, porán en marcha unha campaña informativa.
A pesares de que esta restricción será de carácter xeral, dende o concello non se pechan a estudar casos puntuais que poidan precisar de permisos especiais. A actuación incluirá tamén a instalación de dous redutores de velocidade diante do colexio nos dous sentidos de circulación, no marco do Plan Móvese da Deputación.