O PP aproba en solitario un orzamento de 114 millóns de euros

    plenoorzamentossanxenxo_100_130307.jpgSANXENXO > O equipo de goberno aprobou en solitario os orzamentos de 2007, que ascenden a 114 millóns de euros…

    … A oposición deixou claro que non cre que as contas se vaian a executar.

    Unha barrabasada de orzamentos, contas de ciencia ficción, e cifras irreais, foron algúns dos cualificativos que utilizou o BNG no pleno dos orzamentos municipais de Sanxenxo. Os nacionalistas cren que se en anteriores exercicios non se executou o 50 por cento, neste ano non se chegará nin ó 15 por cento. Roberto Fernández Lores criticou que o goberno local fale de presupostos para o benestar social cando só dedica un 4’5 por cento do total a Terra Sanxenxo. Tampouco entende a suba de gasto en persoal, que pola contra só aumenta en 45 mil euros para a Xerencia de Urbanismo, cando se presenta nas contas como principal fonte de ingresos. Dixo ademais que o orzamento recolle investimentos de anos anteriores, con vistas ás eleccións municipais. ‘Vostedes teñen que camelar ós veciños con que van facer agora o que non fixeron en 8 anos’, sinalou Lores.

    plenoorzamentossanxenxo_200_130307.jpgPola súa banda, o PSOE pediu que as contas se retirasen do pleno. Dulcinea Aguín asegurou que no presuposto da Xerencia de Urbanismo, de 27,1 millóns de euros, existe un desfase de 15 millóns de euros. Segundo explicou o informe realizado polo xerente prevé en aproveitamentos urbanísticos para este ano uns vinte mil metros cadrados, que valora a 200 euros cada un. Con isto os ingresos sumarían 12 millóns de euros. Neste sentido, a alcaldesa Catalina González indicou que ‘pode haber un erro aritmético’ pero que iso non significa que vaian a perder 15 millóns de euros. Expresou o seu convencemento de que as contas están ‘perfectamente feitas’, polo que non as ían a retirar da orde do día.

    O equipo de goberno volveu a quedar só na defensa dos seus orzamentos, que este ano ascenden a 114 millóns de euros. A alcaldesa asegurou que agora Sanxenxo está nun bo momento e que pode dedicar os seus recursos a obras, por iso di que ‘me doe que persoas que están nesta corporación non crean que Sanxenxo pode ter un presuposto así’.

    Redacción Salnés