O sector da calefacción e a fontanería paralízase polo estado de alarma

VILAGARCÍA> O traballo no sector da calefacción e da fontanería descende en máis dun 90%. Os negocios vense obrigados a atender só as urxencias e paralizar as novas obras. Para os que continúan é esencial respectar as medidas de prevención.

A declaración do estado de alarmo detivo a actividade de moitas empresas dedicadas á calefacción e á fontanería. A instalación destes equipamentos está paralizado a pesar de que a construción continúa traballando, a razón reside en evitar a acumulación de operarios nas obras.

No caso de Calefacción e Fontanería Millán o seu traballo descendeu en case un 100%, o que obrigou a empresa a realizar un Erte. A parálise das obras chegou nun momento no que o negocio tiña pechado o traballo de case todo o ano.

Antes de aprobarse o Erte e ante o descenso do traballo, Javier Millán estivo traballando só e cubrindo as chamadas de urxencias. Ao ter que desprazarse ao domicilio dos clientes, era necesario respectar as medidas de prevención.

A pesar do parón a empresa está aproveitando para reformar a oficina. Dende a dirección están a estudar o negocio para estar listos para volver ao traballo unha vez que finalice o estado de alarma.

Dende a empresa confían en que unha vez que remate o estado de alarma poidan volver, pouco a pouco, a traballar con normalidade. Pero aseguran que o importante agora é que os corpos de sanidade e seguridade poidan deter a enfermidade e non ter que lamentar máis perdas.