Comeza o asfaltado da pista que une Piñeirón con Pontearnelas

    pieirnpontearnelas_140307.jpgRIBADUMIA > O Concello de Ribadumia levou a cabo o ensanche do camiño polo que, ata agora, só se podía transitar a pé.

    As obras de ensanche e mellora do camiño que une Piñeirón con Pontearnelas (en Leiro) avanzan a bo ritmo, xa que esta semana deron comezo as obras de asfaltado da nova pista. A través da mellora deste camiño polo que anteriormente só se podía circular a pé, desde o Concello de Ribadumia espérase mellorar e facilitar a circulación entre dous puntos importantes da parroquia e evitar que os conductores teñan que facer un rodeo dun quilómetro de lonxitude para chegar dun lugar a outro.

    pieirnpontearnelas200_140307.jpgAs obras, que se están levando a cabo con fondos propios do Concello de Ribadumia e cun investimento que ascende a 30.000 euros, contan coa colaboración da Deputación de Pontevedra. O proxecto de actuación nesta vía consistiu no ensanche e mellora do acceso, no retranqueo de muros que impedían o tránsito rodado e no pavimentado de todo o tramo. A través das obras, a pista conta cun ensanche de seis metros nun tramo de aproximadamente catrocentos metros.

    Unha das prioridades marcadas polo Grupo de Goberno é levar a cabo obras que faciliten a comunicación entre os diferentes puntos do concello. Deste xeito, ademais de abrir novas estradas e recuperar e ensanchar outras, tamén son importantes as obras de pavimentado que se están levando a cabo en diferentes lugares do concello, así como as obras de rebacheo que se fixeron nas estradas de Ribadumia.

    Redacción Salnés