A Xunta e o Concello de Cambados escenifican a súa unión na defensa do sector mar-industria

CAMBADOS> A Xunta e o Concello de Cambados escenifican a súa unión na defensa do sector mar-industria. A Conselleira do Mar e o alcalde da localidade visitaron esta mañá dúas depuradoras do porto de Tragove. Son dúas das empresas das que Costas, no seu polémico informe, cuestiona a súa continuidade en terreos portuarios. Rosa Quintana pediulle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que non aplique agravios comparativos con Galicia e dea seguridade xurídica ás empresas do sector.

A Xunta e o Concello de Cambados amosaron esta mañá a súa unión na defensa do sector mar-industria. A Conselleira do Mar e o alcalde da localidade compartiron hoxe visita a Linamar e Daporta, dúas das tres depuradoras do porto de Tragove ameazadas polo informe de Costas que cuestiona a súa continuidade en terreos portuarios. Segundo Rosa Quintana, a súa situación vén a confirmar o que leva dicindo a Xunta dende o 2019: que as decisións do goberno central poñen en risco o sector mar-industria.

A Conselleira entende que o goberno central descoñece a realidade galega e que, ademais, as consideracións do Executivo estatal sobre o plan especial de Cambados semellan invadir competencias exclusivas de Galicia.

O alcalde cambadés fala dunha ‘postura incomprensible’ por parte de Costas. Defende que as depuradoras teñen que continuar á beira do mar.

E aproveita Samuel Lago para reclamarlle á Xunta, neste caso a Portos de Galicia, a desafectación dos terreos onde se asenta o Mercado, o centro de saúde ou a estación de autobuses. Entende que son terreos nos que xa non hai ningún tipo de actividade portuaria polo que, ‘o máis sensato’ sería que pasasen a ser de titularidade municipal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí