Esperanza Salnés enfronta novamente a Vicepresidencia e Concello de Cambados

    antonlosada_100_041006.jpgCAMBADOS > Repítese o vello enfrontamento entre o Concello e a Vicepresidencia que se viviu hai uns meses pola gardería municipal.

    Tralas acusacións sobre a falla de apoios da Xunta, Vicepresidencia asegurou que está disposta a colaborar pero antes a asociación debe regulariza-la súa situación para adaptarse á normativa. Segundo o secretario xeral Antón Losada, a asociación non ten permiso de inicio de actividades e ademais non se axusta ás tipoloxías de servizos sociais que ten rexistradas este departamento, algo que xa se lle comunicou e que a asociación non solucionou.

    Hoxe, a tenente de alcalde de Cambados criticou duramente esta actitude. Rosa Oubiña recordou que Esperanza Salnés foi creada por un grupo de pais afectados que puxeron a mellor vontade por sacar adiante un centro especial sen que fose demasiado gravoso para as súas economías. Se realmente Vicepresidencia quixera axudar, di Rosa Oubiña, debería aportar os cartos necesarios para correxir calquera deficiencia en vez de usar o seu poder para atacar a unhas familias cun problema social moi complexo.

    Despois, tanto o Concello de Cambados como a Vicepresidencia entran nunha guerra de cifras por ver quen aportou máis ó centro. Losada asegura que lle deron en 2005 e 2006 axudas por máis do dobre do importe concedido durante os gobernos do PP, mentres dende o Concello botan man das cifras de 2.005 e das aportacións da Deputación para asegurar que foi o PP quen máis axudou á asociación, que mentres tanto segue nunha difícil situación.

    Redacción Salnés