Imputado o responsable do alumeado público no caso da morte de Íñigo Castro

    lijoelectricidade_100_300307_1.jpgRIBEIRA > Trala declaración de varias testemuñas en relación ó caso do falecemento de Íñigo Castro a causa dunha descarga eléctrica … 

     … da rede de alumeado público, o xuíz decidiu imputar á empresa encargada do seu mantemento por un presunto delito de homicidio imprudente.

    Os feitos que se lle imputan tiveron lugas a finais do pasado mes de febreiro, cando un mozo faleceu elecrocutado ó apoiarse nunha farola. Daquela, xa moitos veciños informaran de que as deficiencias na rede de alumeado da rúa Portugal, onde aconteceu o suceso, eran evidentes e non era a primeira vez que algunha persoa recibía descargas. 

    O xuíz tomou declaración a catro testemuñas que afirmaron ter sufrido cambras ou ter presenciado algún episodio deste tipo. De feito, no rexistro da policía figura unha denuncia dunha veciña que denunciou a descarga sufrida polo seu can ó apoiarse nunha farola, días antes do tráxico suceso. Tras escoita-la súa declaración, o responsable do Xulgado de Instrución número 3 de Ribeira dictou un auto de procesamento contra Jesús Lijó, propietario da empresa que leva o mantemento do alumeado municipal, por un presunto delito de ‘homicidio imprudente’.

    O empresario deberá comparecer como imputado o vindeiro día dous de maio, a pesar de que o seu avogado mantén que non existe ningún tipo de responsabilidade penal por parte do seu cliente. Pola contra, o representante da familia do mozo falecido considera que este procesamento supón un paso adiantena busca de responsabilidades pola morte de Íñigo Castro. Polo momento, o proceso atópase aínda en fase de instrución e as dilixencias están abertas para determinar se existiu neglixencia no mantemento da rede eléctrica.

    Redacción Barbanza