Centos de vilagarciáns dan o último adeus a José Luis Nogueira

    VILAGARCÍA > O ex alcalde de Vilagarcía José Luis Nogueira, quen faleceu onte ós 81 anos de idade, foi enterrado xa no cemiterio de Carril. Centos de veciños e moitos representantes da vida política e social de Arousa acompañaron á familia no último adeus a unha persoa que dende moi novo traballou por e para a comarca.

    joseluisnogueira300_020407.jpgLicenciado en Químicas e responsable dunha firma de orfebrería, José Luis Nogueira foi alcalde de Vilagarcia en plena transición democrática entre 1975 e 1979, ademais de vicepresidente da Deputación de Pontevedra e secretario xeral de presidencia da Xunta preautonómica.

    Sen embargo o seu labor nos últimos tempos centrouse na actividade social e económica. Foi presidente da Federación de Empresarios da comarca de Arousa, FECA, durante moitos anos, nos que tentou revitaliza-la vida económica da comarca e loitar por mellora-las condicións dos empresarios arousáns. Con este cargo participou en numerosos programas desta casa, como colaborador.

    Comprometido

    Ó igual que como presidente da entón Plataforma Galega contra o Narcotráfico, hoxe xa convertida en Fundación e tamén un referente na loita contra esta lacra que, como arousán, tan ben coñecía Nogueira. Por iso nunca excusaba ningunha invitación para participar en programas de entrevistas ou debates onde puidese difundi-la súa mensaxe de apoio a esta comarca á que chegou por amor e que nunca abandoou. Tamén foi patrocinador dos premios Tele Salnés entre 1996 e 2000.

    Pero ademais José Luis Nogueira tiña unha vertente artística da que tamén lles demos conta en numerosas ocasións. A súa arte, sumamente complicada e novidosa, consistía en micrograbados sobre pranchas de prata, mediante unha técnica inédita que desenvolveu el mesmo. E puidemos vela en exposicións como ‘Os camiños de Santiago’ que incluso estivo no convento de San Francisco en Santiago patrocinada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

    Redacción Salnés