![]()
O GROVE > A futura autovía do Salnés si chegará ata o Grove, tal como afirmou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na presentación …
… oficial do candidato á alcaldía grovense polo PSOE. Touriño pediu o apoio dos veciños para o equipo encabezado por José Antonio Cacabelos para que O Grove poida ter cambio e renovación.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, veu cun feixe de promesas baixo o brazo para darlle un impulso ó candidato á alcaldía do Grove polo PSOE. No apartado de infraestructuras indicou que se está executando con 2 millóns de euros un programa de seguridade viaria para mellorar a estrada de entrada ó Grove desde a Lanzada, incluíndo sendas peonís. Tamén falou da pavimentación do porto e do porto deportivo, pero o que máis aplausos recibiu foi a promesa de que a autovía do Salnés chegará ó Grove. ‘O que vos digo é que no Plan de Infraestructuras do transporte que elabora a Xunta e que se levará este ano ó Parlamento irá a autovía ata O Grove’, sinalou o mandatario galego.
Touriño non deixou escapar a preocupación polo campionato do tiro ó pichón da Toxa e afirmou que si se celebrará, anunciou unha partida presupostaria para o novo centro de saúde. Ademais indicou que hai máis de 18 millóns proxectados para o saneamento e abastecemento de auga ó Grove, e máis de 6 millóns para a EDAR. Actuacións estas últimas que precisan, dixo Touriño, de compromiso e axilidade do Concello, e por iso non dubidou en pedir o apoio dos veciños para o candidato socialista.
José Antonio Cacabelos destacou da súa candidatura a capacidade de escoitar e de recoller as ideas dos veciños para incluílas nun programa que será realizable unha vez cheguen ó goberno. Destacou como piares básicos deste proxecto a educación, cultura e deporte, a creación de espazos colectivos, o turismo e a industria do mar, e a asistencia social. Amosouse convencido da victoria socialista o 27 de maio para acabar cunha política de goberno rancia e sen avance, como definiu os 8 anos de goberno popular.
Redacción Salnés









