![]()
POBRA > O Centro de Atención Integral á Discapacidade da Pobra entrará en servizo a principios do vindeiro mes de maio.
A inauguración oficial das instalacións realizarase a finais de abril e está prevista a presenza da presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera, posto que a entidade foi a encargada de xestionar a consecución de gran parte dos fondos europeos que fixeron posible a construción deste centro.
Na actualidade, o inmoble está practicamente listo para a súa posta en marcha. Os operarios están a traballar na colocación de mobiliario nas distintas estancias das que disporá o edifico, entre as que se atopan salas de fisioterapia, aulas para talleres e un centro odontolóxico. O equipamente deste último foi doado polo dentista pobrés, Gonzalo López Castro.
Entorno peonil
Tamén se está a traballar no acondicionamento do entorno coa peonalización da praza anexa onde etsá prevista a instalación dunha escultura en homenaxe á figura do emigrante e do mariñeiro. A Obra Social Caixa Galicia concedeu unha axuda de 30 mil euros para a construción deste monumento.
O novo centro, prestará atención integral a mozos da comarca de ata dezaoito anos que sufren algún tipo de discapacdade psíquica. Ademais brindará tamén un servizo de apoio ás familias, contribuíndo a unha notable mellora da súa calidade de vida.
Redacción Barbanza









