A Policía Local controlará as infraccións con dúas cámaras de tráfico

    camarastraficorianxo.jpgRIANXO > O xefe da Policía Local de Rianxo, Antonio Tubío, informou do novo sistema co que conta o executivo local para regula-lo tráfico no municipio.

    Trátase de dúas cámaras, que están situadas na entrada da Praza Castelao e na zona da estación de autobuses. Con este dispositivo, os axentes da Policía Local rianxeira poden coñecer en todo momento cal é a situación da circulación nestas zonas.

    A Policía Local de Rianxo dispón xa de dúas cámaras de control de tráfico que terán como principal finalidade que os condutores respecten as sinais existentes e cumpran coa legalidade vixente nesta materia. Dende un punto de control instalado nas propias dependencias policiais, dotado cun monitor e unha mesa de control, os axentes da Policía Local rianxeira poderán impoñer multas ós infractores directamente, sen necesidade de ter que notificarllo ó conductor afectado. Asimesmo, as cámaras contan cun sistema que protexe a intimidade dos veciños dos edificios das zonas nas que están instaladas as cámaras.

    As cámaras están situadas en dúas das zonas máis conflictivas do tráfico en Rianxo, na entrada á Praza Castelao, na esquina de Rinlo, e outra enfronte á actual estación de autobuses.

    Numerosas infraccións

    Segundo o xefe da Policía Local rianxeira son numerosos os condutores que non respectan os horarios de peonalización da praza do concello, nin tampouco na zona destinada á parada dos autobuses. Neste sentido indicou que os axentes serán moi estrictos coas denuncias para evitar que os condutores sigan invadinado o espazo cando está prohibido.

    Antonio Tubío tampouco descarta a posibilidade de instalar novas cámaras nun futuro, en caso de que fora necesario no cruce das rúas Rosalía de Castro e Mariño de Rivera, xunto á praza do concello. Para iso xa hai reservada unha zona da pantalla.. Nun futuro o número de cámaras podería aumentar ata nove.

    Aínda así o xefe da Policía Local de Rianxo agarda unha total colaboración por parte dos veciños e que as cámaras traballen o menos posible, un síntoma que explicaría que se están respecta-las normas de tráfico.

    Redacción Barbanza