Un raio na subestación eléctrica de Tivo causa un pequeno incendio

    CALDAS > A tormenta que a media tarde caeu sobre o Salnés provocou pequenos anegamentos en Vilagarcía e Caldas así como retencións de ata 10 quilómetros na autoestrada ó seu paso pola vila das termas, que tamén se viu afectada por un raio que caeu sobre a subestación eléctrica situada en Tivo. Numerosos efectivos acudiron ó lugar para evitar danos na rede.

    Protección Civil e policía local de Caldas así como os Bombeiros do Salnés acudiron a media tarde á subestación situada na N-550 na saída de Caldas cara Pontevedra para tratar de apaga-lo incendio provocado pola tormenta desta tarde.

    Un raio caeu pasadas as 6 da tarde sobre dous transformadores que comezaron a arder, polo que foi precisa a intervención de numerosos efectivos, anque tan só puideron deixar que se queimara toda a instalación xa que estaba cuberta de aceite e cada vez que a apagaban volvía a prender. Unha vez se consumiu o combustible enfriaron a instalación que non sufriu danos maiores.

    Tampouco hai constancia dende o concello de que se produciran cortes no suministro eléctrico, xa que estes transformadores non inflúen sobre os domicilios. Ademais deste incendio, a tormenta provocou pequenas anegacións en Caldas e Vilagarcía pola gran acumulación de auga en poucos minutos e tamén houbo importantes retencións na A 9 ó seu paso por Caldas debido á forza da chuvia.

    Redacción Salnés