O Belén de Valga recibe máis visitantes ca nunca

 VALGA> O Belén Artesanal de Valga despide a súa edición máis exitosa superando tódolos rexistros de visitantes. Neste Nadal superáronse os 46.000 visitantes que se contabilizaron na edición anterior. Onte mesmo pasaron polo Belén unhas 2.000 persoas, creando longas ringleiras ás portas do Belén.

O Nadal remata en Valga cando o seu Belén bota o peche. O Nacemento despídese da súa edición máis exitosa, rachando tódolos rexistros de visitantes. Os 46.000 visitantes que se contabilizaran o ano pasado foron superados de longo nesta edición, unha tendencia á alza que xa se percibiu dende os primeiros días de apertura, a comezos de decembro. Onte mesmo, na xornada de despedida do Belén, visitaron estas instalacións unhas 2.000 persoas, creando longas ringleiras.

Na organización celebran a boa acollida que, ano tras ano, recibe este particular Nacemento. Salientan que o importante non é canta xente se achega ata aquí, senón que a que veña marche satisfeita. Un obxectivo que, polo que nos contan, está máis que logrado.

Un dos grandes atractivos do Belén de Valga é o seu repaso anual á actualidade, con escenas dalgúns dos feitos máis destacados dos últimos meses, como -aí o ven- a exhumación de Franco.

No Belén, declarado de interese turístico de Galicia, hai máis de 4.000 figuras fixas e unhas 300 en movemento. Ademais de representar estampas da actualidade, moitas debuxan tradicións e oficios de outrora.

Ata o mes de setembro o nacemento aínda pode ser visitado por grupos organizados, que deberán fixar data con antelación.