CATOIRA> Alberto García recupera a alcaldía do concello de Catoira. O socialista faise co bastón de mando grazas ao apoio de catro dos cinco concelleiros do seu partido, o seu compañeiro Roberto Bouzón optou pola abstención, evidenciando a fractura na bancada socialista, mentres que o BNG e o PP apoiaron cadanseu ao seu candidato.
A disputa polo goberno do concello de Catoira péchase co regreso a alcaldía do socialista Alberto García. O veterano rexedor perdeu o bastón de mando o pasado ano a favor do BNG de Xoán Castaño, grazas ao apoio que a súa formación recibiu por parte do PP. Un apoio que xamais se concretou en acordos, o que propiciou que ambos partidos estivesen cruzándose acusacións durante meses. Dada a situación, o PP a pactou cos socialistas, na denominada operación Drakkar, unha moción de censura para derrocar a Xoán Castaño e establecer un goberno en Catoira no que se alternarían no poder socialistas e populares. A moción non se puido levar a cabo debido á dimisión de Xoán Castaño, que pactou o seu cese con 3 edís socialistas que non aceptaron o acordo do seu líder cos populares. Esa situación obrigou á realización dun peno extraordinario de investidura no que finalmente Alberto García recuperou a alcaldía grazas o apoio de catro dos cinco concelleiros socialistas.
A dirección provincial do Psoe mostrou o seu apoio ao veterano rexedor socialistas, motivo polo cal se pode entender que os compañeiros contrarios ao pacto co PP, como Juan Touriño e Purificación García votasen ao seu favor. Non fixo o mesmo Roberto Bouzón que optou pola abstención evidenciando a ruptura dentro Psoe de Catoira.
A pesar da división interna, Alberto García asegura que contará con todo o seu equipo.
O novo alcalde asegura que o pacto co Partido Popular está totalmente roto pero que está disposto a dialogar coas outras formacións. Tamén ten previsto continuar na alcaldía ata o final do mandato.
De non chegar a acordos con outras formacións, o rexedor ten por diante 3 anos de mandato en solitario, xa que o seu partido conta con 5 dos 11 concelleiros da corporación municipal e dentro do seu equipo con 3 concelleiros críticos coa súa continuidade na alcaldía.