NOIA> A corporación noiesa celebra arestora unha sesión plenaria na que se oficializará a renuncia da concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto. A marcha da edil, que responde a motivos familiares, obrigará ó alcalde, Santiago Freire, a ter que realizar unha reestruturación do goberno municipal.
Precisamente un dos puntos a abordar na sesión é a aprobación dunha dedicación exclusiva para o rexedor. Santiago Freire é o único alcalde da comarca que non dispón de dedicación exclusiva, que compatibilizaba ata o de agora o seu cargo no Concello co seu traballo coma inspector de sanidade pública.
Freire xustifica a súa dedicación exclusiva á marcha de Mariola López Cierto que lle obrigará a realizar unha reestruturación do equipo de goberno e ter que asumir parte das áreas de goberno desta.
O goberno noiés seguirá dispoñendo de catro dedicacións exclusivas, unha delas era a da propia Mariola López Cierto, e dúas parciais.
As críticas á proposta de dedicación exclusiva do alcalde non tardaron en chegar. A Marea considéraa excesiva. Así sinalan que si se suman tódolos soldos, seguridade social, comisións e asistencia a plenos, o custo do grupo de goberno ascende a uns trescentos mil euros. Unha cantidade que segundo eles é a máis elevada da historia do Concello. Dende a Marea destacan que o goberno segue sen afrontar temas fundamentais para a vila e que en tódalas áreas de goberno hai problemas de xestión. Ademais lembran que non se puideron poñer en marcha axudas a empresas afectadas pola covid debido á mala situación económica do Concello e que o equipo de goberno mesmo se veu obrigado a ter que pedir un crédito para poder facer fronte ós problemas de liquidez o pasado mes de abril.