A ILLA> De novo, cruzamento de acusacións entre o Rañeiros da Ría e o patrón maior de Carril. O carrilexo acusa ao colectivo de non tomar medidas para a recuperación dos bancos de libre marisqueo. Dende Rañeiros defenden a súa xestión e o peche dos bancos para a súa rexeneración. Din que non hai ningunha varita máxica que solucione o problema se non se toman medidas drásticas.
Os bancos de libre marisqueo da Ría de Arousa atravesan un momento crítico. Os Lombos, O Boído e Cabío -que xestiona Rañeiros- permanecen pechados. O marisco é escaso e cativo.
Rañeiros aposta por unha solución global que determine a situación dos bancos. Ademais propóñenlle á Xunta medidas concretas para a rexeneración dos bancos. O presidente de Rañeiros aproveita para defende-la xestión do colectivo. Contrapón as medidas que eles defenden para a recuperación do libre ás críticas do patrón de Carril.
A previsión é que Os Lombos, O Boído e Cabío permanezan pechados ata o arranque da nova campaña, en outubro. Agora manteñen a súa actividade nas denominadas ‘outras zonas’, aínda cun problema engadido: os prezos da ameixa son moi baixos.
Indica Rial que con estes prezos apenas compensa que os mariscadores saían faenar.