![]()
NOIA > O mitin central do PSOE en Noia estivo precedido por unha concentración en contra da variante interior deseñado por Política Territorial.
Deceas de integrantes da plataforma de afectados pola variante interior agardaron ás portas do pavillón polideportivo, onde se celebrou o acto electoral, a chegada do secretario xeral dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño, e do candidato á alcaldía noiesa, Rafael García Guerrero, para protestar polo silencio administrativo da Xunta ante os requerimentos da plataforma en contra da variante. Para simbolizar este feito, os manifestantes taparon as súas bocas con esparadrapo en sinal de protesta. A pesar da presenza dos manifestantes, o mitin do PSOE noiés desenvolveuse con total normalidade, tal e como estaba previsto.
Precisamente, o secretario xeral do PsdeG, Emilio Pérez Touriño, aludiu durante a súa intervención á necesidade dunha vía de circunvalación en Noia para resolve-lo problema de saturación do tráfico que discorre polo centro da vila. O líder dos socialistas galegos reiterou o compromiso da Xunta de facer a mellor variante para tódolos veciños, escoitando tódolas alternativas posibles.
Centos de militantes e simpatizantes do Partido Socialista quixeron estar ó lado do seu líder neste acto central da campaña dos socialistas noieses. Coincidindo cunha data tan sinalada como a conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á noiesa María Mariño, Emilio Pérez Touriño avogou pola recuperación da lingua galega como signo de identidade.
O presidente da Xunta puxo como exemplo dese compromiso á escritora homenaxeada, María Mariño, e á universal Rosalía de Castro, destacando o papel clave da muller na historia de Galicia no camiño cara a igualdade. Esa igualdade, dixo, constitúe unha das principais apostas do seu goberno coa recente aprobación da lei contra a violencia de xénero.
Conservación do litoral e mellora das comunicacións
Ademais da conmemoración do Día das Letras Galegas, Touriño destacou a data de onte como un día histórico pola entrada en vigor da Lei de Medidas Urxentes de Protección do Litoral.
O presidente dos socialistas galegos amosouse moi crítico co anterior goberno da Xunta que sumiu no abandono á comarca de Muros-Noia durante 16 anos. Pola contra, Emilio pérez Touriño destacou a creación de importantes infraestruturas que pretende levar a cabo o bipartito como a autovía Santiago-Brión ou o corredor Brión-Noia que mellorará as comunicacións na bisbarra e contribuirá a vertebrar o territorio.
Ademais da creación de infraestruturas, o candidato socialista á alcaldía de Noia, Rafael García Guerrero, adiantou algunhas das actuacións previstas polo seu partido como a construción dun aparcadoiro soterrado, a creación dunha conserveira artesanal xeradora de emprego ou a necesidade de rexeneración da ría, principal fonte de riqueza do municipio.
Finalmente Pérez Touriño pediu ós noieses o voto para o candidato socialista e amosouse convencido de que, a partir do vindeiro 27 de maio, García Guerrero ostentará a alcaldía de Noia.
Redacción Barbanza









