Vivenda saca a licitación o proxecto do parque empresarial do Barbanza

    poligonoempresarialbarbanza_100_220507.jpgBARBANZA > A Consellería de Vivenda e Solo vén de licitar a redacción do Proxecto Sectorial e de Urbanización do Parque Empresarial do Barbanza.

    A Consellería de Vivenda e Solo licitou por máis de 388 mil euros a redacción do proxecto do parque empresarial do Barbanza cun millón de metros cadrados de superficie previsto para a zona de Moldes, entre os municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal.

    O prego de bases do concurso público foille xa remitido ó Diario Oficial das Comunidades Europeas, polo que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas a partir de mañá e ata o vindeiro 13 de xullo. Nos próximos días tamén lle será remitido ó BOE e ó DOG.

    As propostas deberán presentarse nun rexistro oficial da Xunta ou tamén poden ser enviadas por correo dentro do prazo establecido. Ademais da redacción dos proxectos Sectorial e de Urbanización, o concurso público inclúe a redacción do Estudo de Impacto Ambiental, Prospección e Informe Arqueolóxico, Estudo de Seguridade e Saúde e o Plan de Calidade. A data límite de entrega de todos estes documentos será o 15 de decembro deste mesmo ano.

    Da superficie total do parque, un millón de metros cadrados, 541 mil estarán dedicados a uso empresarial e industrial, 311 mil serán espazos libres, 124 mil estarán ocupados pola rede viaria e aproximadamente 31 mil serán os destinados a equipamentos.

    Investimento millonario

    O investimento total previsto nesta actuación superará os 32 millóns de euros, dos que mais de 27 millóns se dedicarán á urbanización e aproximadamene 4,1 millóns se empregarán na adquisición de terreos.

    Fontes da propia Consellería de Vivenda e Solo sinalaron que os traballos previos de planeamento así como a súa tramitación administrativa se desenvolvan ó longo deste ano 2007 e que as obras de urbanización poidan comezar no primeiro semestre de 2008.

    Naves modulares

    O futuro parque incluirá naves modulares para os pequenos empresarios que queiran instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terán un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serán adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

    Ademais, o futuro Parque Empresarial do Barbanza contará cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contará con espazos comúns de novas tecnoloxías, estará situado nunha parcela de uso dotacional público e será adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

    Redacción Barbanza