Fernández Lores non porá condicións ó PSOE para formar goberno

    mafdezlores_alcaldepontevedra_100_290507.jpgPONTEVEDRA > O único que non é negociable, segundo o alcalde de funcións, é a alcaldía, que terá que recaer na agrupación máis votada.

    O alcalde en funcións de Pontevedra e candidato do BNG á reelección valorou hoxe o descalabro sufrido pola súa agrupación o pasado domingo. Asegura Fernández Lores que aínda non analizou as causas da espectacular baixada, pero que tomará nota do aviso que lle deu a cidadanía e que comezaron unha análise profunda para cambiar aquelo que estean ‘facendo mal’.

    Lores culpa da baixada á demobilización e a alta abstención que lles prexudicou de xeito especial a eles. E anque recoñece os malos resultados, espera que o resto de forzas ‘asuman tamén os seus resultados’, en clara referencia á falla de maioría do PP para gobernar a pesares de se-la forza máis votada con sete mil papeletas máis que os nacionalistas.

    En canto ó pacto co PSOE, Lores asegurou que os resultados marcarán a nova negociación, xa que non é o mesmo ter dez concelleiros fronte a cinco do PSOE, como ocorreu ata agora que ter sete e seis respectivamente. Esto obrigará ó BNG a negociar sen condicións, exceptuando a alcaldía que será de novo nacionalista. Para o alcalde en funcións, estes catro anos ‘serán os máis fructíferos para Pontevedra’, por iso é importante a negociación co PSOE. Unha negociación que se fará en clave local e sen inxerencias do exterior.

    Redacción Salnés