![]()
RIBADUMIA > 45.000 persoas é o balance de visitas que recibiu esta fin de semana Barrantes, con motivo da Festa do Tinto…
… Segundo resalta o Concello é a mellor marca de asistencia dos últimos anos.
A Festa do Viño Tinto do Salnés bateu a mellor marca de asistencia dos últimos anos. Segundo informa o Concello de Ribadumia nos tres días de festa achegáronse a Barrantes unhas 45.000 persoas. O día de máis afluencia de público foi onte domingo, xa que desde as 12 o centro de Barrantes contou coa presencia de numerosas persoas. A diferencia de anos anteriores, cando o maior número de xente se congregaba a tarde noite, esta fin de semana a xente achegouse durante todo o día para saborear o viño de Barrantes e acompañalo con tapas de polbo. A Comisión de Festas calcula que se concumiron preto de 20.000 litros de tinto.
PROGRAMA
Ademais da calidade do viño, a extensa programación elaborada polo Concello de Ribadumia tamén animou á xente a achegarse á festa. Os pratos fortes servíronse xa no primeiro día. O venres pola noite, A Roda ofrecía o primeiro dos concertos na Carballeira de Barrantes, arrancando a bailar tanto a mozos como a maiores. E despois, David de María facía suspirar a máis de unha.
A artesanía tamén tivo un oco nesta festa e nesta edición a mostra reuniu a catorce artesáns galegos que expuxeron os seus traballos de barro, instrumentos, ou xoias. Na xornada de onte houbo tempo para o deporte e tamén para a procesión automobilística de San Cristóbal, que despediu o Tinto, alomenos por esta fin de semana. O vindeiro sábado, o programa recolle ás nove e media da noite teatro na Carballeira de Barrantes, e o domingo, xadrez pola mañá e festival de bandas pola tarde.
Redacción Salnés








