![]()
O GROVE > Continúan as negociacións a dúas bandas para tratar de formar goberno o día 16, data de constitución das corporacións locais.
Tanto o PP como o PSOE teñen tódalas opcións para converterse en forzas maioritarias de goberno, pero para iso precisan do apoio de outras forzas. E niso traballan arreo estes días buscando o apoio dos grupos minoritarios que acadaron representación o pasado día 27.
Ante as novas de que os socialistas tiñan bastante adiantadas as negociacións, o PP forzou onte unha xuntanza a tres bandas co Partido Galeguista e con Alternativa Meca para tratar de achegar posturas. Anque ningún asegura que vaia apoiar a opción popular, ambos coinciden en que as negociacións avanzan a bo ritmo. Mañá está prevista outra xuntanza do tripartito para poñer en común os programas e ve-lo grao de coincidencia e as posibilidades de gobernar conxuntamente. Incluso se fala xa do reparto de concellerías polo que Ayda se faría con urbanismo e Fredi Bea estaría liberado noutro departamento.
Pero o Partido Galeguista traballa tanto co PP como co PSOE, con quen tamén ve posibilidades de pacto, polo que o seu apoio dependerá das próximas xuntanzas. No caso de Alternativa Meca, a posibilidade redúcese, posto que a candidata electa, Ayda Filgueira, só foi chamada polo PP. O seu antigo partido excluiuna das negociacións, algo que ela cualificou hoxe de ‘lamentable’ e do que responsabiliza persoalmente ó cabeza de lista, José Antonio Cacabelos.
Redacción Salnés








