Un peón falece arrollado por unha moto a escasos metros da súa casa

    accidentegoulla100_110607.jpgMEIS > Un morto e dous feridos moi graves foi o balance dun tráxico accidente de tráfico ocorrido na recta da Goulla, na PO-531.

    Un veciño de Meis, Francisco Torres, de 72 anos de idade, perdeu a vida onte á tarde arrollado por unha moto Honda de gran cilindrada a escasos metros da súa vivenda. O accidente produciuse preto das dúas menos cuarto da tarde na recta da Goulla, na estrada PO-531 Vilagarcía – Pontevedra.

    accidentegoulla200_110607.jpgUn Volkswagen Golf, que ía en dirección a Vilagarcía, pretendeu xirar á esquerda para acceder a unha empresa da zona. No momento da manobra, a moto estaba adiantándoo a gran velocidade, e o piloto non puido evitar o impacto. Co choque o motorista perdeu o control e caeu ó chan, derrapando polo arcén uns 200 metros ata que se empotrou contra unha marquesiña.

    A mala sorte quixo que mentres derrapaba a moto, Francisco Torres transitara polo arcén polo que foi arrollado e faleceu practicamente no acto. Na moto ían dous veciños de Vilanova de Arousa que quedaron inconscientes e feridos de gravidade. O piloto, J. G. L. de 25 anos, foi trasladado no helicóptero do 112 ó Hospital Montecelo e a súa acompañante, R.B.C de 24, foi na ambulancia do 061. O conductor do Golf resultou ileso.

    Redacción Salnés