O veto dos nacionalistas a Quintáns dificulta o pacto de goberno

psoebngson_100_120607.jpgPORTO DO SON > Cando restan apenas catro días para a constitución das novas corporacións municipais a situación nalgúns concellos aínda non está clara.

É o caso de Porto do Son onde BNG e PSOE continúan coas negociacións para chegar a un pacto de goberno. A clave do acordo está na decisión dos frentistas de non apoiar a Quintáns no acto de investidura como alcalde.

As cousas non parecen tan sinxelas en Porto do Son, e o acordo marco asinado en Santiago por Touriño e Quintana para gobernar un total de 95 concellos galegos nos que non hai maioría absoluta podería racharse neste municipio, se os nacionalistas continúan no seu empeño de non apoiar ó actual alcalde en funcións, Ramón Quintáns, no acto de investidura que se celebrará o vindeiro sábado.

Os membros do BNG de Porto do Son amosaron a súa disposición a retomar en calquera momento as negociacións cos socialistas e a propiciar deste xeito un goberno progresista no municipio, aínda que o que teñen claro e que Quintáns non pode se-la persoa que encabece ese goberno, ó considerar que deste xeito os veciños non observarían o cambio que solicitaron nas urnas o pasado 27 de maio, onde o PSOE pasou de oito a tan só cinco concelleiros.

Os frentistas tampouco están decididos a apoiar a ‘unha persoa que nos últimos anos hipotecou e xestionou mal os intereses municipais, levando ó concello a unha situación económica preocupante’.

Dúas opcións

Para o BNG do Son só existen dúas opcións, ou ben que o PSOE propoña a outro candidato ou que Ánxela Franco sexa a que ocupe a alcaldía sonense. Polo que se non chegan a un acordo cos socialistas o BNG quedarase na oposición e na sesión de investidura votaranse a si mesmo ou optarán pola abstención.

Dende o Partido Socialista a nivel comarcal sinalaron ó respecto que o BNG debe levantarlle o veto a Ramón Quintáns, apelando así ó cumprimento do acordo marco a nivel autonómico asinado entre as dúas formacións políticas. Consideran ademais que Quintáns é o único candidato á alcaldía polo PSOE e non están dispostos a poñer no seu lugar a outra persoa.

O BNG e o PP de Porto do Son manteñen tamén reunións negociadoras, aínda que un pacto entre estas dúas formacións parece improbable e en ningún caso propiciarán cos seus votos que o candidato do PP, Manuel Tomé saia investido como alcalde.

Redacción Barbanza