Pontevedra recupera a Festa dos Libros con catorce librarías e máis de vinte actividades

PONTEVEDRA> Máis actividades que volven tralo parón provocado polo coronavirus. Esta fin de semana Pontevedra recupera a súa Festa dos Libros. A cita arrancará o venres na Praza da Ferrería coa participación de 14 librarías da cidade. Entre os días 2, 3 e 4 de xullo haberá máis de 20 actividades e máis de 70 escritores pasarán pola vila para asinar as súas obras.

A literatura será a protagonista da fin de semana en Pontevedra. Este venres comeza na Praza da Ferrería a  Festa dos Libros, unha cita que se suma á listaxe das que volven tralo parón obrigado pola pandemia.

Nesta festa participan 14 librarías da cidade. A programación desenvolverase entre o 2 e o 4 de xullo, con propostas variadas e intensas.

Na programación destaca a presentación da novela ‘El lunes nos querrán’ da man da súa autora, o último premio Nadal Najta el Hachmi. Un repaso da traxectoria da editora e escritora Eva Mejuto ou a iniciativa Libros do trinque, da Librería Paz son algunhas das novidades.

Dende o sector recuperan esta cita con ilusión. Máis aínda despois do tempo da pandemia, durante o que os lectores botaron de menos as súas librarías de confianza.

As actividades comezarán ás 11.30 da mañá con actuacións dirixidas para os máis cativos. Ademais, o sábado e o domingo a xornada despedirase con música, coas actuacions de Cora Velasco e Idioma de Tinta con Yolanda Castaño e Isaac Garabatos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí