![]()
RIBEIRA > Dentro do programa ‘Naturocio’ o concello de Ribeira organizou unha travesía pola Ría de Arousa e a Illa de Sálvora dirixida a avós e netos.
¿Qué mellor maneira de pasar tempo cos nosos que saíndo de excursión e desfrutando do noso patrimonio paisaxístico e cultural? Isto, precisamente, é o que pretende o programa ‘Naturocio’ promovido polas Concellerías de Turismo, Medio Ambiente, Cultura e Benestar Social de Ribeira.
No marco deste programa inclúense diversas actividades como a travesía pola ría dirixida a avós e netos. O concello programou dúas excursións, unha para o 29 e outra para o 30 de xuño, consistentes nun paseo pola ría de Arousa en catamarán ata a Illa de Sálvora, onde terá lugar o xantar e unha visita guiada para coñece-los innumerables tesouros que alberga. A actividade vai dirixida principalmente a grupos conformados por un avó e mailo seu neto aínda que as prazas restantes destinaranse a todo tipo de persoas.
Transmiti-la memoria
Ademais da promoción dos recursos paisaxísitcos, turísticos e culturais de Galicia, ‘Naturocio’ pretende contribuír á transmisión da memoria dos noso avós que, en definitiva, conforman a cultura e a tradición dun pobo así como enriquece-las relacións interxeracionais.
As persoas interesadas en participar poderán realiza-la preinscrición no Departamento de Servizos Sociais, situado na ría Correos número 5, presentando a fotocopia do libro de familia. O prezo será de 10 euros para grupos de avó máis neto, cunha idade comprendida entre os seis e os doce anos, e as persoas que acodan de xeito individual deberán aboar tamén unha taxa de 10 euros. O número de prazas é de duascentas, cen por cada día; así que os que queiran apuntarse a esta viaxe deben facelo canto antes.
Redacción Barbanza









