As obras da autovía do Barbanza deixan incomunicada unha aldea de Rianxo

    inundacionsrianxo_100__200607.jpgRIANXO > As obras de construción da autovía do Barbanza provocaron o asulagamento de varios pasos soterrados na parroquia rianxeira de Taragoña.

    Os veciños afectados amosaron o seu malestar, solicitándolle ás administracións competentes na materia, unha solución rápida do problema, xa que estes viais son empregados diariamente por un gran número de persoas.

    Indignados. Así se sentían os veciños da aldea de Monte Dorna pola situación que están a padecer a consecuencia das obras de conversión da vía rápida do Barbanza en autovía. Dous dos pasos inferiores existentes quedaron totalmente anegados de auga, impedíndolle o paso para as súas vivendas e deixándoos totalmente aillados do resto da parroquia.

    inundacionsrianxo_200_200607.jpgA pesar de que os veciños son os máis perxudicados, ó ter que desprazarse habitualmente por estes pasos para poder chegar ata os seus fogares, consideran que o problema tamén lles afectará a máis veciños, dado que estes dous viais dan acceso ó areal da Torre, un dos máis concurridos do municipio na tempada estival.

    O problema non é unicamente o da auga, xa que os veciños denuncian que o tamaño dos pasos soterrados non é o apropiado. Un deles é demasiado estreito, e os dous non teñen a altura mínima, polo que os autobuses e os camións de gran tonelaxe non poden circular por eles.

    Pronta solución

    O alcalde, Pedro Piñeiro, personouse no lugar nada máis ter coñecemento da situación co fin de buscarlle unha solución ós problemas denunciados polos veciños. O rexedor xa mantivo contactos cos responsables da Consellería de Política Territorial que lle trasmitiron a súa dispoñibilidade a soluciona-lo problema o máis axiña posible.

    Piñeiro Hermida considera que o problema máis preocupante non é o da auga, senón a solución que se lle dará ás dimensións actuais dos pasos inferiores. Aínda así o rexedor rianxeiro sinalou que a Consellería podería mesmo estuda-la posibilidade de realizar unha modificación estrutural destes pasos.

    Redacción Barbanza