O sector coñece o Plan Director do Mexillón

    plandirectormexillon100_260607.jpgVILAGARCÍA > O sector mexilloeiro galego coñeceu hoxe en Vilagarcía o Plan Director do Mexillón, impulsado pola Consellería …

    … de Pesca. A iniciativa pretende recoller a diagnose da situación actual desta actividade e deseñar plans de actuación futuros. Pesca aporta a este plan 100 mil euros e Caixanova outros 50 mil. Segundo a Xunta, a participación directa do sector neste proxecto é primordial.

    O Consello Regulador do Mexillón de Galicia prantexouse a necesidade de analizar en profundidade a situación actual do sector para definir o camiño a seguir, e de aí naceu o proxecto do Plan Director do Mexillón. A súa elaboración será coordinada pola Escola de Negocios de Caixanova. A iniciativa permitirá analizar a evolución do sector, comparalo cos seus competidores, coñecer os puntos fortes e carencias e analizar a percepción dos consumidores.

    Para iso haberá unhas mesas de traballo nas que participarán ata 12 dos principais axentes implicados no futuro do sector. Están proxectadas 8 xuntanzas ó mes. Por outra banda, a Escola de Negocios de Caixanova fará unha comparación do sector bateeiro galego cos seus competidores, fará unhas 422 enquisas a xefes de compras e responsables de tendas e consultará a 1.100 consumidores en toda España. A información recollida será enviada a cada un dos compoñentes da mesa de traballo. Tamén se organizarán dous foros de difusión de iniciativas asociativas de éxito que poidan aplicarse á situación actual do sector mexilloeiro de Galicia.

    Redacción Salnés