Andrés Quintá recolleu o premio Galicia Innovación Empresarial

    premiogaliciainnovacion_100_260607__still_003.jpgSANTIAGO > O presidente de Extrumar, o empresario valgués Andrés Quintá, recolleu onte en Santiago o galardón dotado con 50.000 euros.

    A Consellaría de Innovación e Industria entregou onte os Premios Galicia de Investigación 2006. Os galardoados nesta edición foron os investigadores Xosé Manuel Sabucedo Cameselle e Marí Luz Loureiro García así como as empresas Sagres, que recibiu unha mención especial polo seu traballo no sector téxtil, e Extrumar, que recibiu o Premio Galicia á Innovación Empresarial.

    premiogaliciainnovacion_300_260607__still_001.jpgO galardón á empresa valguesa foille concedido polo deseño dunha plataforma mariña mergullable para o cultivo de moluscos. No acto, celebrado no Auditorio de Galicia en Santiago, destacouse a traxectoria de I+D, a orixinalidade do proxecto de innovación e o risco asumido pola empresa, tendo en conta as dificultades que ten o sector para a innovación. Anque Extrumar dispón xa de varias patentes relacionadas co cultivo de peixes e moluscos, a súa gran aposta é a batea sumerxible construida en aceiro naval e que pode afundirse ata os sete metros para evita-lo impacto da oleaxe e o desprendemento de producto das cordas, o que a fai máis rendable que unha tradicional. O presidente de Extrumar recolleu o premio dotado con 50.000 euros, diploma e placa conmemorativa.

    Historia

    Os Premios Galicia de Investigación foron creados no ano 1997 pola Xunta de Galicia para recoñecer o traballo de investigadores galegos de recoñecido prestixio e o esforzo innovador das pequenas e medianas empresas galegas. Xunto con Andrés Quintá estiveron onte en Santiago destacados persoeiros da vida económica e social de Arousa, como o presidente da Cámara de Comercio de Vilagarcía, Carlos Oubiña, o ex presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios, José Luis Vilanova ou a delegada provincial de Innovación e Industria, Montserrat Prado.

    Redacción Salnés