Os emigrantes retornados, esperanzados con que Pedro Sánchez solucione os seus problemas fiscais

VILAGARCÍA> Os emigrantes retornados comezan a ve-la luz ó final do túnel. Despois de cinco anos de reivindicacións e protestas na rúa, En Marea e o PSOE amosaron o seu interese en coñece-las súas demandas para atopar unha solución ó seu problema. Esta mañá, unha representación da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados mantivo unha xuntanza en Madrid co grupo parlamentario socialista, para trasladarlle ó goberno de Pedro Sánchez a súa situación.

Os emigrantes galegos retornados levan tempo, moito tempo, reivindicando na rúa o que consideran xusto. Agora recoñecen estar esperanzados con que o novo goberno de Pedro Sánchez atope unha solución ó problema de fiscalización das súas pensións.

Polo de agora, os grupos do PSOE e En Marea amosaron o seu interese na súa situación. Hoxe mesmo,  unha representación da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados mantivo unha xuntanza en Madrid co grupo parlamentario socialista. Hai uns días, o colectivo reuniuse en Ferrol con Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso.

Dende o BNG celebran este paso á fronte do PSOE e de En Marea. Con todo, lembran que hai anos que o Bloque está defendendo na rúa os dereitos dos emigrantes retornados.

A Plataforma de Emigrantes Retornados do Salnés entregou esta mañá na Axencia Tributaria un escrito para trasladar as súas demandas á Ministra de Facenda. Nese documento insisten: é necesario resolver a súa situación porque a Lei dos dous pagadores non está feita para eles.