O estado do río Fabaíños é denunciado polos veciños de Portonovo

    riosucioportonovo_100_260707__still_002.jpgSANXENXO > O río de Fabaiños que pasa por fronte da praza de Abastos de Portonovo fai semanas que é motivo de queixa

    … dos veciños. O mal estado no que se atopa e o cheiro que desprende ó seu paso polo centro do vila levou á Asociación de Veciños a denunciar a situación no concello.

    Os veciños de Portonovo non entenden a falta de sensibilidade do goberno de Sanxenxo. A presidenta da asociación veciñal, Margarita Fontán, afirmaba esta mañá que ‘non se podía vivir nestas condicións’. Sen embargo, os veciños máis afectados son os que teñen as vivendas ou establecementos ó carón desta parte de río e que afirman que levan meses así e que están á espera de que o concello lles desatasque o cauce para evitar o cheiro á augas fecais.

    Dende a directiva veciñal afirman que levan días tentando poñerse en contacto co concelleiro de medioambiente sen conseguilo e que tras tentar arranxalo mediante o diálogo e non acadar resultados decidiron interpoñer esta mesma mañá unha denuncia no concello. Nela piden que se limpe o río de broza e materiais contaminantes para solucionar este problema.

    Redacción Salnés