Medio Rural aínda non dá por extinguido o incendio da Barbanza

BARBANZA> No último parte facilitado pola Consellería declárao coma estabilizado. Na zona seguen a traballar numerosos medios, principalmente en labores de vixilancia e refrixerando aquelas zonas máis próximas a vivendas nas que pode existir un maior perigo se as lapas volven a reavivarse.

Transcorridos xa varios días, Medio Rural investiga agora as posibles causas da súa orixe. Todo apunta a que foi intencionado, pero polo de agora non hai nada confirmado.

Tampouco a canto ascende a superficie total queimada. As estimacións que manexa a Xunta é que podería roldar as 2.200 hectáreas.

E mentres se intenta extinguir o lume, xa se analizan tamén as posibles consecuencias. Ademais da superficie arrasada, e o difícil e longo que será a súa recuperación, existe un gran temor a que a chegada das chuvias provoque o arrastre das cinzas ó mar, o que podería provocar a mortalidade do marisco, ocasionando perdas millonarias para o sector.