Concello e asociacións ultiman os preparativos da VI Festa do Pan

pan_reunion100_310707.jpgRIBADUMIA > A Carballeira de Ribadumia e os muíños do Batán acollen o vindeiro día 11 de agosto a VI Festa do Pan.

O Concello de Ribadumia ultima os preparativos da Festa do Pan, que se celebrará o vindeiro día 11. A edil de Cultura, Lidia Álvarez reuniuse onte á noite coas asociacións culturais do municipio para solicitar a súa participación na programación de actos. Trátase da sexta edición dunha celebración que ten como escenarios a Carballeira de Ribadumia e os Muíños do Batán. A festa permite exaltar un producto tan cotiá como o pan e á vez recuperar vellas tradicións e costumes.

pan_festa06_200_310707.jpgA organización presentará o cartel este venres na mesma Carballeira, pero xa teñen perfilado o programa, que inclúe máis actividades nos muíños. Como en edicións anteriores, a festa contará co concurso de postres, elaborados a base de pan. A recollida farase entre as 5 e as 8 da tarde na Carballeira. Ás oito e media será a saída cara os muíños de Batán amenizada polo grupo de gaitas Aresta, de Ribadumia. Alí farase a moenda de millo branco coa actuación das Cantareiras do Alecrín. Con esa fariña farase, xa na Carballeira, unha representación teatral da elaboración do pan de millo. Logo actuará o Coro parroquial Santa Baia de Ribadumia e coñeceranse os gañadores dos concursos de postres e cartel.

Cos premios entregados poderanse degustar diversas variedades de pan e, a partir das dez da noite, celebrarase a cea de confraternidade, onde o pan e o viño tinto serán gratis. Como remate, verbena coas actuacións de Montse e Luís Queimada e Azúcar. O cartel da festa complétase con dúas actuacións no Auditorio Municipal, o día 10 estará Juan Carlos Cambas e o 16 Lorena Lores.

Redacción Salnés