O PSOE pídelle á Fiscalía que investigue ó Concello de Ribadumia

    modestopose_100_020807__still_002.jpgRIBADUMIA > O responsable do PSOE na provincia de Pontevedra considera ‘demoledor’ o informe do Consello de Contas sobre o Concello.

    Modesto Pose asegura que tras ler o documento do Consello de Contas demóstrase que os incumprimentos en Ribadumia son a norma e que o raro é segui-la lei, polo que pide a actuación inmediata da fiscalía. Pose cre que hai motivos suficientes para que este departamento actúe de oficio e inicie unha investigación.

    Segundo o responsable provincial do PSOE, ‘estes feitos, con outras fiscalías xa estarían nos xulgados’. Pose denuncia a pasividade da Fiscalía pontevedresa anque cre que neste caso, e despois das reiteradas denuncias por estes mesmos feitos, debería actuar xa. De non ser así, non desbotan iniciar eles algún tipo de procedemento para que estes feitos cheguen ós tribunais. Segundo o PSOE provincial, o informe do Consello de Contas recolle violacións contra máis de media ducia de leis e regulamentos. Entre eles o relativo á contratación de persoal e obras, onde se trampea para que tódalos traballos se poidan contratar polo un procedemento negociado, un caso específico co que poden beneficiar a determinadas sociedades. Neste procedemento a Lei de Administracións Públicas obriga a presentar tres presupostos, algo que o Concello cumpre a raxatabla pero sempre, denuncia Pose, ‘coas mesmas tres empresas: Pavimentos de Meaño, Obras y Construcciones Sisán e Fontefría S.L.’.

    Tamén pon de manifesto como as persoas ó cargo destas sociedades son sempre as mesmas, ‘figurando nun caso como socio, noutro como fundador e noutro como representante’. E engade que ‘resulta curioso que dúas desas empresas sempre presentan un presuposto máis alto e a terceira o importe exacto da licitación’. Modesto Pose recorda o procedemento xudicial aberto polo caso do centro social de Couto de Arriba e outras irregularidades que afectan ó presidente provincial do PP, como o caso dos militantes do Grove inscritos en listas do PP de Euskadi ou as modificacións no censo de Ribadumia antes das municipais, un tema que seguirán investigando e do que responsabilizan directamente a Louzán, a quen lle fan unha advertencia: ‘que dé explicacións e pense en ir para casa, non vaia ser que teñan que ir para outro sitio’.

    Explicacións de Louzán

    Sobre este asunto o presidente provincial do PP, Rafael Louzán, desbota calquera responsabilidade política e culpa dos posibles erros á secretaria municipal. Segundo Louzán, nun Concello existe persoal suficiente para comproba-las actuacións dos políticos e ‘correxi-los erros ou, cando menos, emitir un informe desfavorable’. Puntualizou que a secretaria ‘que cobra bastante máis que a alcaldesa, está para fiscalizar eses documentos e non emitiu informes contrarios’, polo que a actitude da alcaldesa ‘foi a correcta en todo momento’.

    O presidente provincial do PP e concelleiro en Ribadumia critica tamén que o Consello de Contas fixese público un informe do ano 2003 que nin o propio goberno local coñece, polo que desbotou facer calquera balance ata ter o documento e estudalo en profundidade.

    Redacción Salnés