O alcalde da Illa agradece á Xunta que se asfalte o acceso ao municipio ‘despois de tantos anos’

A ILLA> Comezaron os traballos de reasfaltado no acceso á Illa de Arousa, unha estrada de titularidade autonómica. Trátase dunha vella reivindicación no municipio, porque a  Xunta non actuaba nesa zona dende hai unha década. Estes traballos forman parte dun conxunto de reasfaltados en once municipios da nosa contorna. Unha actuación que, en conxunto, supera os 3,3 millóns de euros.

O estado da estrada de acceso á Illa de Arousa levaba tempo xerando polémica entre a Xunta, a quen pertence a vía, e o concello. O goberno local denunciou en máis dunha ocasión o seu mal estado, lembrando que aquí non se actuaba dende hai máis dunha década. Un problema que hoxe quedou soterrado baixo esta nova capa de rodadura. Trátase dun asfaltado completo entre a ponte e a rotonda da avenida da avenida da Ponte.

A actuación inclúe tamén a posta a punto doutro treito desta PO-307, pero do lado de Vilanova. A previsión é que os traballos estean rematados antes de que comece a Semana Santa. Esta mañá o alcalde da Illa agradecía á Xunta que por fin se actuase nesta vía.

Esta actuación forma parte dun paquete de posta a punto de estradas autonómicas na nosa contorna, para o que a Xunta destina máis de 3,3 millóns de euros.

Na Illa, así e todo, queda pendente outra actuación que demandan no concello tamén dende hai tempo. Trátase da PO-299, de acceso ao Xufre, que precisa dunha posta a punto en varios treitos.