A alcaldesa escoita in situ os problemas dos afectados polo acceso ó Porto

    alcaldesa_afectadosvialporto100_070807.jpgVILAGARCÍA > O Concello trasladará ó Ministerio de Fomento as peticións dos veciños afectados polas obras de acceso ó Porto

    … A alcaldesa, o edil de Obras de o enxeñeiro municipal estiveron onte cos representantes veciñais do Piñeiro, Cornazo, Zamar e Rubiáns. Despois das festas, o goberno local convocará ós representantes veciñais dos afectados pola circunvalación norte.

    Desde a zona do Piñeiro apuntouse ó Concello de Vilagarcía que o acceso ó Porto cortará unha servidume que dá acceso a varias fincas, e que o paso previsto no proxecto obrigará ós propietarios de fincas a dar un importante rodeo. Os veciños de Cornazo queixáronse sobre todo das voaduras. Os responsables municipais pediron paciencia e garantiron que a reparación de calquera desperfecto orixinado por estas detonacións en casa, bens ou servizos serán totalmente asumidas pola adxudicataria. Tamén informaron a estes veciños que nunha semana a empresa reparará unha tubería de auga rota polas obras, e que arranxarán o firme da estrada entre A Galoufa e Solobeira en canto diminúa o volume de tráfico pesado.

    Desde Zamar pediron unha axeitada canalización das augas e a reposición dos camiños de servizo, mentres que desde Rubiáns preocupáronse pola solución que se lle darán ás canles de recepción de augas pluviais procedentes da parte alta do monte. Na súa opinión deberían ser conducidas ata os leitos dos regatos naturais ou á rede de recollida de pluviais. Tamén propuxeron que os áridos sobrantes dos desmontes se aproveiten para tapar vellas canteiras. Propostas, estas que trasladará o Concello ó Ministerio de Fomento.

    Redacción Salnés